Sunday 12 de May de 2024

O Xeoparque do Cabo Ortegal programa catro xeorrutas en San Sadurniño


Desenvolveranse pola contorna do castelo de Naraío e do alto de Racamonde o 22 de xullo, os días 13 e 26 de agosto e o 9 de setembro

O recén estreado Xeoparque do Cabo Ortegal ten xa en marcha o calendario estival de rutas que nos permitirán descubrir a riqueza xeolóxica, natural e patrimonial do novo territorio UNESCO. Son 16 itinerarios distintos pola costa e o interior que se percorrerán e 61 saídas até o 10 de setembro. No noso concello vai desenvolverse a denominada “Xeorruta das Pías” que nos levará primeiro ao castelo de Naraío e á fervenza de Riolimpo para logo subir até o Forgoselo. As datas previstas son o 22 de xullo, o 13 e 26 de agosto e o 9 de setembro. Para participar neste percorrido guiado polo Doutor en Xeoloxía Francisco Canosa hai que anotarse a través deste formulario en liña. O prezo son 10€ por persoa e en cada xeorruta só se ofrecen 20 prazas.

A Xeorruta das Pías comeza no castelo de Naraío para facer unha pequena introdución sobre as eras da Terra e os fenómenos que se produciron -e aínda se producen- nos últimos 4.500 millóns de anos. Despois desa primeira parada baixarase até a contorna da central eléctrica e a fervenza do Castro e, como última estación, subirase en coche a Racamonde, o punto máis elevado do concello, que se caracteriza por unha curiosa e espectacular paisaxe granítica.

Na primeira metade da ruta veranse as distintas fases da formación dos bolos -grandes rochas que aparecen na paisaxe, ás veces unhas dacabalo doutras- e tamén das pías, que son buratos resultado da erosión, nuns casos polo de desbaste producido por pequenas rochas cautivas en ocos, como ocorre na zona de Riolimpo, e noutros pola acción físico-química da auga da chuvia, algo que se verá claramente nas penas do Forgoselo na segunda parte do traxecto.

A andaina é de dificultade media-baixa, apta para calquera idade e moi indicada para facela na compaña de rapazada polo seu contido didáctico. De guiala encargarase Francisco Canosa, quen ademais ofrece unha visión das orixes xeolóxicas da zona en relación con outros puntos do Xeoparque do Cabo Ortegal.

O percorrido das Pías poderá facerse o sábado 22 de xullo de 16:30 a 20:30h, e tamén o domingo 13 de agosto (16:30 a 20:30h), o sábado 26 de agosto (10:00 a 14:00h) e o sábado 9 de setembro (10:00 a 14:00h). Igual que o ano pasado, a Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal habilitou na súa web unha central de reservas en liña, única maneira de gardar sitio para participar nas actividades, que ofertan case todas 20 prazas (menos a das Praias das Areas negras, que pola súa dificultade só dispón de 15). Todas teñen un prezo de 10 euros por persoa, incluído o seguro.

Na web tamén se poden consultar as outras 15 xeorrutas que se van desenvolver até o 10 de setembro por todo o ámbito do Xeoparque Mundial da UNESCO.